Home

Os Premios Artesanía de Galicia 2014ver recaeron na ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada; no artesán de Aguiño (Ribeira) Domingo Ayaso, recoñecido co galardón ‘Traxectoria’; e na ceramista coruñesa Verónica Moar, que obtivo o premio Bolsa Eloy Gesto.

Marta Armada fíxose co Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros. Logrouno cunha peza presentada co lema ‘Sen lastre’. O seu traballo como ceramista e deseñadora de xoias preséntase como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións, nos que a autora destila as súas vivencias.

N12-PremioArtesaniaGalicia-3

Finalistas nesta categoría resultaron Viviana Araújo, que dirixe a tenda-taller Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, así como flores artesanais de tea e plumas. Participou cunha peza baixo o lema ‘Luscofusco’.

O segundo finalista foi o taller de xoiaría de Bergondo Ardentia, que participou coa peza co lema ‘Origami’. Esta empresa, con máis de 27 anos de vida e presente en máis de 20 países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume.

O Premio ‘Traxectoria’ recolleuno un emocionado Domingo Ayaso, de Aguiño (Ribeira), carpinteiro de ribeira. Este artesán dedicou a súa vida a preservar, transmitir e difundir o patrimonio marítimo galego, especialmente as potencialidades da dorna, construíndo máis de 500 embarcacións deste tipo no seu taller.

N12-PremioArtesaniaGalicia-2

Premio bolsa Eloy Xesto. O Premio Bolsa Eloy Gesto logrouno nesta primeira edición a coruñesa Verónica Moar, quen estudio o Ciclo superior de Cerámica Artística na EASD Pablo Picasso, e que participou en diferentes exposicións, ademais de colaborar con artistas como David Pintor.

Esta categoría contribúe a reforzar a chegada de novas ideas ao sector artesán, premiando con 3.000 euros a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no ámbito da artesanía e do deseño.

Co nome deste premio, no que recibiu unha mención de honra a deseñadora de xoias Eva Dávalos, nacida en Mérida e residente en Vigo, homenaxéase a Eloy Gesto, unha das figuras máis relevantes do sector artesán galego que, en palabras do conselleiro de Economía, Francisco Conde, ademais de ser ourive “de gran mestría” que “renovou a tradición compostelana”, destacou “polo seu forte compromiso co desenvolvemento do sector e coa transmisión de oficios ás novas xeracións.

Advertisements